Información Extra
¡Sireno, Sireno!, lanzo un berro na noite que rebota de tellado en tellado. Nácenme pedras nos ollos, como de querer chorar e non ser capaz, de querer aprisoar entre os dedos un pouco de ceo, de querer entender, coñecer respostas para as preguntas do mundo dos maiores, onde as cousas doen, e as risas non son cristalinas, senón espellos rotos. Hai un Sireno de papel e carbón pintado na parede do meu cuarto. Hai un Sireno que de cando en vez faime entrar na fantasía. Hai un Sireno que me afasta da tristeza e ofréceme un silencio cheo de luces.